CRTVG

Buscar

A veciñanza de Nigrán sae ao rescate dunha vaca

Publicado o 22/12/2020 22:47

A vaca levaba cousa dun mes pacendo nesta leira da rúa Otero Pedrayo de Nigrán, pero o martes pasado caeu e xa non se volveu levantar. Recibiu atención veterinaria, pero non mellorou.

"Dixeron que alguén lle dera pan con mondas e que estaba empachada, pero ao final comentaban se tería o estómago do revés".

O veterinario recomendou que tentaran mantela ao quente, e aí comezou a notar a calor da veciñanza. Cubrírona cunha pérgola de xardín, con lonas e mesmo con sacos de durmir. A chuvia e o vento non axudaron, pero conseguiron darlle abrigo e preocupáronse de que volvera comer. O que non lograron foi erguela, así que pediron máis axuda.

"Vin en Facebook que había unha vaca tiradiña nun prado á intemperie e viñemos ata aquí a ver que pasaba, a ver se podemos botar unha man polo menos".

E foron polo menos cen mans as que axudaron, as do medio cento de veciños que acudiron á chamada. Entre eles e unha grúa do concello conseguiron completar a misión con éxito. Sacaron a vaca da leira, para levala a un refuxio de animais.

"Ímola atender, van vir veterinarios atendela, e ver realmente se hai unha torsión ou qué é o que lle pasa".

Trasladárona ao refuxio do Proxecto Gato, en Gondomar, para ver se conseguen recuperala.

Noticias web

22/12/2020