CRTVG

Buscar

A veciñanza de Lobios, Cuntis e Oleiros sométese a cribados ante a suba de casos

Publicado o 15/05/2021 20:49

 O concello coruñés de Oleiros entrou onte no nivel alto de restricións polo incremento de contaxios dos últimos días. Ten 62 casos activos de covid-19. Cunha poboación de algo máis de 36.500 veciños, a incidencia acumulada aproxímase aos 170 infectados por cen mil habitantes.

 "É un foco que se deu nun colexio, que parece que o teñen localizado, pero está ben, por se acaso tiveches un contacto sen sabelo, que se fagan estes cribados", explica unha participante no peneirado.

O rastrexo organizado aquí desenvolverase ao longo de toda a fin de semana. Están citados arredor de 4.300 veciños de entre 20 e 49 anos. "Entrei hai medio minuto e acabo de saír. Moi ben. Penso que todo o mundo debería facelo", dinos unha rapaza.
Lobios, con menos de 1.700 habitantes, ten catorce casos activos, o que disparou a súa incidencia acumulada por riba dos 830 puntos. Aquí tamén se montou un peneirado para 650 veciños.

"Normalmente a xente é bastante responsable e acode á cita", asegura unha enfermeira.
Neste concello de Ourense o virus espallouse a partir de dous gromos familiares, un deles con negocio cara ao público. Onte entraron no nivel alto de restricións pero máis dun teme pasar ao máximo. "Seguramente que nos van pechar outra vez. En lugar de ir a mellor, imos para atrás", lamenta un veciño.

Dous gromos familiares tamén viñeron rachar cun mes sen positivos en Cuntis. Agora con dez casos, a incidencia acumulada aquí é de 214 contaxios por cen mil habitantes.
Para frear o virus esta mañá citaron a unha proba PCR 654 veciños, de 20 a 39 anos. "Nós levabamos moito tempo con cero casos, pero non nos podemos relaxar, temos que tomar todas as medidas", recorda o concelleiro de Sanidade do concello. "Entre que nos contaxiamos, nos inmunizamos e as vacinas - esperando que me poñan a segunda-, eu vexo a luz ao final do túnel", confesa unha muller.

Para o domingo e o luns está previsto outro cribado no concello veciño de Ponte Caldelas para máis de 1.800 persoas.

Noticias web

15/05/2021