CRTVG

Buscar

A variante delta da covid−19 xa é a predominante en España, co 60 % dos casos

Publicado o 13/07/2021 15:05

A incidencia da covid−19 en España segue subindo e chega aos 368 casos por cada cen mil habitantes. A previsión para os vindeiros días é que siga aumentando e supere a barreira dos 400 casos. Pero, segundo Sanidade, o pico da curva está próximo.

Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "Si que é certo que se está observando unha redución da velocidade do incremento que notabamos a semana pasada, esa redución indicaría que estamos empezando a entrar nunha fase de estabilización progresiva da transmisión".

Con todo, a incidencia continúa disparada e as restricións aumentan. Valencia é a primeira comunidade autónoma en volver ao toque de recolllida e limita as reunións a dez persoas. A mesma limitación nas reunións impón Cataluña, que tamén pecha as actividades non esenciais ás doce e media da noite; a comunidade autónoma rexistrou máis de 8.500 contaxios nas últimas 24 horas.

En Madrid, hai longas ringleiras o día en que comezan a vacinar os maiores de 16 anos. A presidenta descarta novas restricións.

Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid: "Aínda non, polo de agora imos ben en Madrid e o que temos que facer é seguir coas campañas para concienciar os máis novos e seguir coa vacinación como ata o momento".

Os expertos avalan as restricións, pero cren que chegan tarde. A variante delta xa supón arredor do 60 % dos casos.

Juan Gestal, epidemiólogo: "Non sabemos en realidade se está detrás desta quinta vaga; estes casos que estamos vendo agora teñen unhas cargas virais moi elevadas, son realmente supertransmisores e esto explica a rapidez con que se está transmitindo".

E non só a delta; novas variantes igual de contaxiosas, como a lambda ou peruana, poderían estar presentes xa no noso país e detrás dun gromo en Cantabria con máis de 80 infectados.

Noticias web

13/07/2021