CRTVG

Buscar

A variante delta da covid−19 presenta unha sintomatoloxía distinta ao que se espera do virus

Publicado o 20/07/2021 14:42

Máis contaxiosa e máis resistente ás vacinas, a variante delta da covid−19 é responsable xa de máis do 40 por cento de novos contaxios en España. En persoas contaxiadas despois de recibir a pauta completa da vacina, a sintomatoloxía desta variante é completamente distinta á que se lle atribúe habitualmente ao virus.

A maioría dos expertos coinciden en que o aumento de casos e hospitalizacións rexistrados nas últimas semanas está relacionado coa expansión da variante delta da covid−19. Segundo o inmunólogo Alfredo Corell, que se recupera dun recente contaxio, esta variedade do virus máis agresiva pódenos obrigar a cambiar os protocolos para evitar contaxios. "Consideramos que un contacto estreito é alguén que está a menos de dous metros sen máscara e durante 15 minutos. Ben, pois igual isto hai que corrixilo e poñer un pouco a alarma aquí en que 15 minutos xa non son necesarios, ao mellor con cinco ou dez é suficiente para que se contaxie unha persoa que é un contacto estreito".

Os síntomas en persoas vacinadas son distintos, non hai febre, nin se perden o olfato e o gusto, pero aparecen a tose, as secrecións nasais e os esbirros. "Por exemplo, o moqueo antes era case motivo de exclusión. Dicíase que teño moqueo, ben pois non tes covid−19. Coa nova variante e en persoas vacinadas é un dos síntomas máis frecuentes. Entón, temos o risco de confundilo cun catarro ou un brote alérxico".

Corell asegura que a eficacia das vacinas segue sendo o mellor escudo protector contra o coronavirus.

Noticias web

20/07/2021