CRTVG

Buscar

A variante delta afasta a inmunidade de grupo

Publicado o 12/08/2021 14:50

Non hai descanso para os expertos en epidemias, obrigados a reaxustar unha vez máis os cálculos canda nós.

"Ao longo da pandemia non fixemos máis ca aprender e teño medo de que non sexan estas as últimas leccións", dinos o catedrático Juan Gestal.

Explícanos que unha das razóns de que agora se afaste a inmunidade de rabaño, dende un 70 ata o 88 % da poboación, é a maior tranmisibilidade da variante delta.

"Con esta variante india o núnero básico de reproducción está entre 5 e 8 e isto cambia o cálculo que nosoutros facemos para calcular esa inmunidade de grupo. Pero é que hai máis. Resulta que a variante delta está afectando as persoas que están vacinadas. Na maioría dos casos teñen infeccións leves ou inaparentes, pero cunha carga viral importante que fai que estas persoas sexan tamén transmisoras".

A receita para rebaixar as incidencias, iso si, segue estando clara. Din os expertos do comité clínico que son as vacinas e a protección.

"Sabemos que os vacinados teñen 5 veces menos risco de ser contaxiados e ata 5 veces menos risco de entrar un hospital", explica Xosé Luís Muiño, membro do comité clínico galego.

Protección e prudencia que se fan aínda máis necesarias se pensamos que son os nenos, menores de 12, os que aínda non teñen vacina dispoñible e que serán eles os expostos a potenciais mutacións. A loita debe ser mundial e, aínda que os alarmismos son inútiles, o 'sentidiño' segue sendo tan preciso como ao principio.

Noticias web

12/08/2021