A variante británica da covid, camiño de ser a predominante
Algúns epidemiólogos pensan que en poucas semanas a variante británica do coronavirus será a predominante en Galicia. A xefa de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario da Coruña di que é a que máis preocupa, porque é a que máis incidencia ten.
A expansión da pandemia facilita a aparición de mutacións. Segundo explica María José Pereira, "as variantes dun virus sempre están buscando vantaxes ou beneficios desde o punto de vista da infectividade e iso é o que fan estas variantes, adaptarse ao ambiente de xeito máis eficiente".
Hai unha semana detectáranse en Galicia 41 casos da variante británica do coronavirus, de acordo cos datos de Sanidade. Este martes xa eran 67. É máis contaxiosa, pero non está demostrado que provoque unha enfermidade máis grave.
"Parece que despois dun estudo máis en profundidade dos datos, de momento, non se demostrou que sexa así. É certo que en números absolutos imos ter máis casos graves, porque afecta un número maior de persoas", asegura María José Pereira.
Tampouco está demostrado que as vacinas perdan eficacia fronte a estas mutacións, polo que non se preparan cambios no programa de vacinación.
"Porén, moitas das empresas que traballan en vacinas avalían como mellorar os produtos existentes para darlles resposta ás novas variantes", subliña.
A xefa de Medicina Preventiva do CHUAC asegura que acepa británica é a que máis preocupa, xa que a incidencia das outras variantes como a brasileira ou a surafricana, das que se detectou un caso en Vigo, é marxinal.