CRTVG

Buscar

A Valedora insta os municipios a corrixir os topónimos castelanizados non oficiais

Publicado o 22/10/2019 13:06
A Valedora insta os municipios a corrixir os topónimos castelanizados non oficiais

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, instou este martes "determinados concellos" dos que recibiu "queixas" por incumprimento da normativa sobre o uso do galego para "corrixir os topónimos non oficiais" e empregalos "na lingua propia de Galicia".

Na súa primeira comparecencia nunha sesión plenaria do Parlamento de Galicia para presentar o informe da Valedoría correspondente a 2018, Fernández Galiño subliñou que "a lingua propia de Galicia é o galego, como establece o Estatuto de Autonomía, e esta institución traballa na súa defensa", dixo.

Fernández Galiño, que leva no cargo menos de tres meses, defendeu o último informe da súa predecesora, Milagros Otero, que dimitiu tras ser condenada por nomear xefa de persoal a sobriña de Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do PPdeG.

"Dada a recente renovación da titularidade na Valedoría, o informe que achego é basicamente o que constaba no sistema e estaba pendente de presentación", explicou Fernández Galiño.

Engadiu que "o proceso de transformación" da institución "xa se materializou nalgunhas actuacións concretas" e apuntou que a memoria de 2019 será "de transición", con "cambios esenciais", tendo en conta que o novo equipo "se foi configurando ao longo do xa avanzado segundo semestre" do presente ano.

O informe de 2018 recolle un total de 24.721 queixas, un incremento do 15 % respecto ao ano anterior o 86 % das cales relacionadas coa Administración autonómica -con 52,04 % relacionadas co sistema de saúde pública e a educación-, 13,9 % con concellos e só o 0,1 % con universidades.

O sistema sanitario foi o foco da maior cantidade de queixas, gran parte das cales se centran "na diminución de servizos, do persoal sanitario e demoras nas listas de espera", de modo que o informe conclúe que a cidadanía percibe "unha deterioración continuada do sistema sanitario".

A valedora volve incidir, como fixo na súa comparecencia ante unha comisión parlamentaria, na necesidade de que os pacientes do sistema de saúde pública que rexeitan ser atendidos en centros privados concertados dispoñan dunha data para a súa atención e que a cita sexa "nun prazo razoable".

O sistema educativo foi o segundo foco das queixas por asuntos como a atención ás necesidades educativas especiais ou os comedores escolares.

Durante a quenda de réplica, os deputados dos grupos da oposición mostráronse críticos coa xestión de Otero á fronte da Valedoría, á vez que os grupos mixto, Común da Esquerda e PSdeG destacaron o cambio que supuxo a chegada á institución de Fernández Galiño.

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas, pola súa banda, cargou contra unha institución que serve de "placebo" mentres o sistema "fai augas" e pediu "independencia" a Fernández Galiño, a quen emprazou a actuar de oficio e a levar a cabo unha campaña de divulgación.

A viceportavoz parlamentaria do PPdeG, Paula Prado, expresou a súa "satisfacción" cun informe "que demostra que a institución funciona e dá resposta á cidadanía", á vez que suxeriu á valedora que investigue de oficio "como pode afectar a subida do prezo da enerxía ao sector industrial en Galicia".