CRTVG

Buscar

A vaga polar chegará este venres a Ourense e á montaña de Lugo

Publicado o 10/01/2019 21:22

Un día máis Galicia anoitece con temperaturas moi baixas que volven predicir intensas xeadas. Anúnciase a chegada da masa de aire polar para esta noite, especialmente no interior.

Estamos en Chantada, unha das zonas a priori afectadas por esa vaga de frio ártico. O interior de Lugo e, sobre todo, de Ourense, recibirán a peor parte. De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía activou avisos amarelos por baixas temperaturas para mañá pola mañá. Ata 10 graos baixo cero poderían rexistrarse nas proximas horas no sur de Ourense, e ademais, o aire polar vén aumentar a sensación de frío en toda a comunidade.

Estas imaxes vanse repetir mañá na provincia de Ourense e no sur e a montaña de Lugo. A Axencia Estatal de Meteoroloxía activa para esta noite o aviso amarelo polo paso dunha vaga de frío polar continental que entra hoxe pola península. Ata os sete graos baixo cero poden baixar esta madrugada as temperaturas nas comarcas de Xinzo e Monterrei, que serán de novo as máis frías de Galicia. Os veciños xa están afeitos e resignados.

En Lugo tamén notarán esa vaga polar, que será máis suave aquí ca no resto de España. De feito, Galicia continuará o venres na influencia das altas presións, con vento do leste que seguirá deixando un ambiente frío.

En xeral, o ceo estará pouco anubrado ou despexado, con néboas matinais en comarcas do interior, e co avance da xornada, un incremento das nubes baixas polo nordés. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso.


 

Noticias web

10/01/2019