A campaña de vacinación contra a covid-19 comeza en España o 27 de decembro
• Feijóo: "Empezaremos ás 24 horas de que cheguen as doses"
• Manteranse en segredo as rutas e os puntos de almacenamento
• Entrevista íntegra á galega María Jesús Lamas, directora da Axencia Española do Medicamento
A vacinación contra a covid-19 comeza en España o vindeiro domingo 27 de decembro, segundo acaba de anunciar o ministro de Sanidade, Salvador Illa.
As doses chegarán a todas as comunidades entre o sábado 26 e o domingo 27 e poderá comezar a administración da vacina nos 13.000 puntos dos que dispón o sistema sanitario público para este fin.
"O noso país está preparado, foi o primeiro xunto con Alemaña en anunciar un plan de vacinación, e polo tanto podemos comezar o 27 de decembro", dixo Illa, quen insistiu en que será "o principio da fin da pandemia". Por iso, dixo, "non queremos esperar un só día, queremos que este principio empece o antes posible".
O ministro explicou que semanalmente chegarán vacinas a España, nun "reparto cadencial", e que estas iranse distribuíndo de forma equitativa entre as comunidades autónomas, pero non precisou o número de doses do primeiro envío, "ata que haxa confirmación oficial".
A priorización para a administración das vacinas pon en primeiro lugar aos maiores das residencias e ao persoal.
Será unha campaña de vacinación "longa", dixo o ministro, que aclarou que non hai previstas sancións para os cidadáns que sendo citados para vacinárense non poidan acudir.
Illa explicou que, tras a autorización desta primeira vacina, a desnvolvida por Pfizer-BioNTech, previsiblemente autorizarase a formulada por Moderna. Será entón, cando haxa unha ficha das vacinas, cando se saberá "se é compatible que haxa unha primeira dose dunha e unha segunda dose doutra, con todas as garantías".
Situación preocupante
Illa considera que "a situación é preocupante" polo "cambio de tendencia" da evolución da pandemia no país, polo que insistiu en facer un chamamento á prudencia, porque "non podemos permitir que este cambio de tendencia se consolide" e "celebrando en Nadal choremos en Reis".
Ante as preguntas sobre a disparidade de medidas entre comunidades autónomas para as datas de Nadal, o ministro puntualizou que "non hai 17 nadais distintos", senón un "cambio de tendencia da pandemia que provocou a reacción da Interterritorial para permitir restrinxir máis en función da situación de cada comunidade autónoma". E explicou que "o plan de Nadal non é un plan do ministerio; é do Consello interterritorial de saúde, un plan que acordamos todos neste exercicio de cogobernanza".