CRTVG

Buscar

A vacina de Pfizer chegará o día 27 e a de Moderna podería aprobarse o 6 de xaneiro

Publicado o 21/12/2020 15:03

A chegada da vacina de Pfizer-BioNTech é xa cousa de días. Unha conta atrás que non se vai escurecer pola aparición dunha nova cepa do virus xa que, segundo os datos que manexa o Ministerio de Sanidade, a vacina vai ser igualmente efectiva contra ela.

"A vacina é efectiva tamén contra esta nova cepa detectada no Reino Unido", afirmou o ministro Salvador Illa nunha entrevista na radio RAC1.

Igual que pasou coa de Pfizer, Europa tamén pode adiantar a chegada da vacina de Moderna, que hoxe comeza a utilizarse nos Estados Unidos. A previsión é que o visto e prace da Axencia Europea do Medicamento chegue o seis de xaneiro, seis días antes da data fixada inicialmente. A Unión Europea adquiriu 160 millóns de doses desta vacina, que será fabricada e distribuída dende Madrid para todos os mercados mundiais, agás o estadounidense.

En España a vacinación comezará o domingo 27, e vai ser voluntaria. Os expertos fan unha chamada á tranquilidade: malia que están en estudo os poucos casos de reacción alérxica rexistrados, a vacina é segura e pode administrarse á poboación en xeral.

"Esta vacina non contén trazas de alimentos, nin contén medicamentos" explica a pediatra alergóloga Ana Prieto, que entende que "non tería por que ter problemas na poboación en xeral".

Di que as reaccións potencialmente graves se manifestan de xeito inmediato, así que recomenda uns minutos de observación tras a administración da vacina por se houbese que tratar un eventual efecto adverso.

Noticias web

21/12/2020