CRTVG

Buscar

A vacina de Oxford contra a Covid-19 será probada en 2.000 brasileiros

Publicado o 03/06/2020 19:35
A vacina de Oxford contra a Covid-19 será probada en 2.000 brasileiros

A vacina contra a Covid-19 desenvolvida pola Universidade de Oxford, no Reino Unido, será probada nun grupo de 2.000 persoas no Brasil, o segundo país con máis casos de coronavirus do mundo, segundo informaron este mércores fontes académicas.

O Brasil converterase así no primeiro país en iniciar as probas en humanos fóra do Reino Unido para comprobar a eficacia da inmunización contra o Sars-Cov-2, de acordo cun comunicado da Universidade Federal de São Paulo (Unifesp).

Tras a aprobación da Axencia Nacional de Vixilancia Sanitaria do Brasil, os tests comezarán a ser realizados en São Paulo cun equipo de 1.000 voluntarios que estean na liña de fronte na loita contra o coronavirus, ao ser os máis expostos á contaminación, e que non contraesen a enfermidade.

"O máis importante é realizar esa etapa de estudo agora, cando a curva epidemolóxica aínda é ascendente e os resultados poden ser aínda máis  asertivos", afirmou nun comunicado a doutora Lily Yin Weckx, investigadora principal do estudo.

Á espera da chegada do pico entre xuño e xullo, O Brasil é hoxe o segundo país do mundo con maior número de contaxios de Covid-19 (555.383), só por detrás de Estados Unidos, e o cuarto en falecidos (31.199), segundo o último balance do Ministerio de Saúde.

En São Paulo, o epicentro da pandemia no Brasil, as probas serán conducidas polo Centro de Referencia para Inmunobiolóxicos Especiais (CRIE) da Universidade Federal de São Paulo (Unifesp), coordinado por Weckx e contará co apoio financeiro da Fundación Lemann, do multimillonario brasileiro Jorge Paulo Lemann.

De acordo coa Unifesp, os resultados dos tests serán fundamentais para o rexistro da vacina no Reino Unido, previsto para finais deste ano e que dependerá da conclusión dos estudos realizados en todos os países participantes.

Actualmente, hai unhas 10 vacinas que se están probando en humanos, incluído o proxecto do laboratorio da compañía estadounidense Pfizer, que desenvolve o seu proxecto xunto ao laboratorio alemán Biontech. Tamén se están facendo ensaios clínicos con humanos en catro laboratorios na China, dous da compañía Sinopharm, un de Sinovac e outro da Academia de Ciencias Médicas da China.

A OMS di que poden renovarse os ensaios clínicos con hidroxicloroquina

A Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciou hoxe que se renovarán os ensaios clínicos con  hidroxicloroquina e que forman parte dos esforzos internacionais por achar un ou máis tratamentos e vacinas para a Covid-19

O equipo de expertos que supervisa os ensaios clínicos que se realizan en 35 países baixo a supervisión da OMS recomendou a semana pasada que, por precaución, se interrompesen os relacionados con ese fármaco porque había información que poñía en dúbida a súa seguridade.