A vacina de Moderna podería chegar a España a comezos de 2021
A farmacéutica estadounidense Moderna asegura que a súa vacina pode chegar a España a comezos de 2021. Nas próximas semanas solicitará autorización para distribuíla xa nos Estados Unidos. Esta vacina emprega a mesma tecnoloxía ca Pfizer, pero comunicou unha efectividade superior fronte ao virus, case o 95 %.
Tanto a de Moderna como a de Pfizer son vacinas sintéticas, empregan a novidosa técnica do ARN mensaxeiro do virus para xerar anticorpos e están ambas as dúas na terceira fase do ensaio clínico, a previa á autorización definitiva. Se a de Pfizer tiña un 90 % de efectividade, Moderna di que a súa ten ata un 94,5 %. De cada cen persoas vacinadas con ela, 95 estarían protexidas fronte ao virus. A farmacéutica estadounidense asegura que dá resultado tamén en persoas maiores ou con patoloxías crónicas previas. Con todo, a comunidade científica comparte o optimismo pero pide prudencia por tratarse de resultados preliminares que ainda non se publicaron en ningunha revista científica e, por tanto, non foron revisados por expertos independentes.
Fernando Simón, director do Centro de Alertas Sanitarias: "Son resultados esperanzadores pero que hai que tratar con prudencia. Significa que as vacinas van ter unha eficacia mui alta".
Son diferentes tamén as dificultades loxísticas pola cadea de frío que esixiría a distribución destas vacinas. Se a de Pfizer precisa temperaturas extremas de ata 80º baixo cero para conservarse, a de Moderna pode permanecer estable durante un mes nunha neveira estándar, e ata seis meses a 20 graos baixo cero.
Alfredo Corell, catedrático de Inmunoloxía da Universidade de Valladolid: "A efectividade verase cando se abra a vacinación ao mundo real".
Moderna informou de que teñen dúas canles de distribución da vacina: unha para os Estados Unidos, onde esperan subministrar a finais deste ano 20 millóns de doses, e outra para Europa, pendente ainda de contrato. A Axencia Europea de Medicamentos confirmou que xa comezou a analizar esta vacina experimental. En España envasarase nos laboratorios Rovi de Madrid.