A vacina da gripe, porta a porta no rural ourensán
A vacina da gripe viaxa ao rural. Con cita previa e horario de referencia, coma todos os anos, pero sen desprazamentos para os veciños: "Estupendo, que non hai que ir por aí adiante. Eu teño que ir en taxi e aquí está máis a man". "Paréceme bárbaro, porque así desconxestionan os ambulatorias, ademais a nós quédanos ao lado da casa", dinnos os usuarios.
É un servizo de atención primaria e en cada aldea ou parroquia os que se desprazan son os sanitarios do seu centro de saúde de referencia.
Carmen Rodríguez, residente en Medicina de Familia: "As persoas que van ao centro de saúde van ir igual, pero hai que intentar chegar aos que non van ir. Hai que intentar que se vacinen máis do 75%".
Este ano, a Consellería de Sanidade marcouse como obxectivo superar un 75% da poboación maior de 65 anos.
Floren Vale Iglesias, enfermeira de atención primaria: "A gripe é unha enfermidade de transmisión respiratoria que na xente con patoloxías previas ou nos enfermos crónicos pode ter complicacións moi graves. Se o unimos á situación epidemiolóxica que estamos a pasar, é unha seguridade para os pacientes".
Tamén se aconsella a vacina para os que están en contacto con persoas de risco e para as mulleres que pariron nos seis meses anteriores.
"Non son de risco pero traballo con eles e teño na casa tamén que son de risco". "Tal e como anda a cousa, hai que lle acudir a tempo". "Así é máis cómodo e evitan saturacións nos centros de saúde", comentan varias veciñas mentres se vacinan.
A campaña da gripe vaise estender ata o 31 de decembro. Este ano hai en Galicia 200.000 doses máis que o ano pasado.