CRTVG

Buscar

A Universidade de Vigo, primeira de España en que as mulleres accederán gratis a produtos de hixiene feminina

Publicado o 09/03/2021 21:51

A medida pretende loitar contra a chamada probreza menstrual, é dicir,  contra as dificultades económicas que moitas mulleres teñen para poder adquirir produtos de hixiene íntima, e máis no actual contexto de crise derivada da pandemia. Con esta iniciativa, a Universidade de Vigo segue os pasos de países coma Escocia e dende o xoves vai garantir que todas as mulleres que fan parte da comunidade educativa poidan acceder a este tipo de produtos de balde nos tres campus.

Calcúlase que unha muller pode gastar ata 6.000 euros ao longo da súa vida nestes produtos, que, no caso de España, non están considerados como de primeira necesidade e por iso están gravados cun 10 % do IVE.

Acabar coa pobreza menstrual e construír unha Universidade máis xusta e igualitaria son os obxectivos desta iniciativa, e máis no contexto dunha pandemia que emprobrece as mulleres.

Na Universidade de Vigo será realidade dende o xoves para todas as alumnas, docentes e persoal de administración e servizos, que poderán obter de balde compresas e tampóns nas delegacións de alumnado e aproveitar a instalación de dispensadores nos servizos dos tres campus.

Noticias web

09/03/2021