A UE e o Reino Unido logran un acordo sobre o 'brexit'
• O pacto contempla que Irlanda do Norte continúe catro anos con regras do mercado único, aínda que con aduanas en chan británico
• A oposición dos unionistas do Úlster complica a ratificación no Parlamento británico
• En marcha o cumio de líderes da UE para aprobar o acordo
A Unión Europea (UE) e o Reino Unido lograron este xoves un acordo para a saída dese país do club comunitario tras maratonianas negociacións, segundo anunciou a través da rede social Twitter o presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker.
Where there is a will, there is a #deal - we have one! It’s a fair and balanced agreement for the EU and the UK and it is testament to our commitment to find solutions. I recommend that #EUCO endorses this deal. pic.twitter.com/7AfKyCZ6k9
— Jean-Claude Juncker (@JunckerEU) October 17, 2019
Segundo di Juncker, trátase dun acordo "xusto e equilibrado" que testifica "o noso compromiso para lograr solucións". "Recomendo que o Consello Europeo apoie este acordo", recalcou.
Pola súa parte, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, falou dun "novo" e "gran" acordo do brexit. Na súa conta da rede social Twitter, o xefe do Goberno conservador sinalou que o Parlamento británico ten que aprobalo agora o vindeiro sábado nunha sesión extraordinaria.
We’ve got a great new deal that takes back control — now Parliament should get Brexit done on Saturday so we can move on to other priorities like the cost of living, the NHS, violent crime and our environment #GetBrexitDone #TakeBackControl
— Boris Johnson (@BorisJohnson) October 17, 2019
Nos últimos días intensificáronse as negociacións encabezadas polo francés Michel Barnier por parte da UE, en quen os Vinte e sete tiñan depositada "toda a súa confianza", segundo indicaron hoxe fontes comunitarias.
O máximo escollo para un acordo era atopar unha solución para non levantar unha fronteira física na illa de Irlanda.
Na súa carta dirixida ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, Juncker pediu aos Vinte e sete que dean luz verde ao texto revisado e á nova declaración de intencións sobre a futura relación entre a Unión Europea e o Reino Unido, e instou a avanzar "con rapidez" cara ao debate sobre esa vinculación futura.
"Os negociadores alcanzaron un acordo sobre un protocolo revisado para Irlanda e Irlanda do Norte e unha declaración política revisada o 17 de outubro de 2019. Ambos foron validados pola Comisión Europea. O primeiro ministro británico tamén me transmitiu hoxe a súa aprobación a estes documentos", dixo Juncker na carta.
Segundo Juncker, a nova declaración política sobre a relación futura reflicte o cambio de vontade do novo Goberno británico, que tras a chegada de Boris Johnson mostrouse partidario dun status máis distante na súa vinculación futura coa UE.
Irlanda do Norte aliñarase co mercado único da UE
O acordo selado este xoves entre a Unión Europea e o Reino Unido prevé que Irlanda do Norte siga aliñada con certas normas do mercado único europeo pero forme parte do territorio aduaneiro do Reino Unido, co que os controis aos bens efectuaranse no punto de entrada a este territorio británico e non na República de Irlanda.
Segundo explicou o negociador xefe da UE para o brexit, Michel Barnier, nunha rolda de prensa, as autoridades do Reino Unido encargaranse de aplicar as normas aduaneiras da Unión Europea en Irlanda do Norte.
Corbyn cre que os cidadáns deben ter a "última palabra"
O líder do Partido Laborista, Jeremy Corbyn, afirmou este xoves que a mellor maneira de "resolver" o brexit é dando á cidadanía "a última palabra" sobre o acordo negociado entre Londres e Bruxelas mediante un referendo.
"Polo que sabemos, parece que o primeiro ministro (Boris Johnson) negociou un acordo que é mesmo peor que o de Theresa May, que foi rexeitado de maneira abafadora", sinalou o dirixente esquerdista nun comunicado.
Na súa opinión, o pacto consensuado entre Londres e Bruxelas antes de comezar o crucial cume europeo "non vai unir ao país e debería ser rexeitado", polo que a mellor maneira de resolver o brexit é dar aos cidadáns "a última palabra nunha votación pública".
O DUP norirlandés mantén a súa oposición co novo acordo
O norirlandés Partido Democrático Unionista (DUP), socio do Goberno británico, reiterou este xoves a súa oposición ao acordo ao que chegaron Londres e Bruxelas sobre a saída do Reino Unido da Unión Europea (UE). Fontes do DUP indicaron á cadea británica BBC e á irlandesa RTE que a súa posición segue sendo a mesma.
"O noso comunicado anterior segue en pé, en resposta á noticias de que se chegou a un acordo", di a nota do DUP, cuxos dez deputados en Westminster permiten a Johnson gobernar en minoría e son claves para ratificar o novo acordo.