O último falecido por covid−19 en Galicia tiña posta a pauta completa da vacina
A morte deste veciño da Fonsagrada foi inesperada para os seus achegados. Confiaban en que se recuperaría, pero non puido ser. Recibira as dúas doses da vacina días antes de presentar síntomas compatibles coa covid−19. Ao ver que non remitían foi a urxencias do Hula e quedou ingresado.
O home tiña 61 anos e traballaba como conserxe no Seminario de Lugo, onde era moi apreciado, o mesmo que na súa vila natal.
O falecemento produciuse por pneumonía por covid−19. Comezou a sentirse mal despois de poñer a segunda vacina. Nun principio achacou as súas molestias aos efectos secundarios derivados da inxección. En moi pouco tempo empeorou e acabou ingresando por pneumonía no hospital lucense.
A infección por coronavirus puido producirse días antes ou pouco despois de recibir a segunda dose da vacina, que non tivo tempo a desenvolver toda a súa protección.
O finado estaba en boa forma física e non sufría patoloxías previas.
Coa súa morte, xa son 225 os finados na provincia de Lugo por complicacións relacionadas co coronavirus.