A última vaga da covid−19 aínda non chegou ao seu pico en Galicia
A última onda da pandemia, que disparou os contaxios entre os menores de 30 anos, aínda non chegou ao seu pico en Galicia. Así o asegura o membro do comité clínico Pedro Rascado.
"A tendencia xeral segue sendo ascendente, de momento non podemos dicir que esteamos chegando ao pico, non temos datos para afirmar iso. O que estamos vendo noutras comunidades indícanos que aínda non alcanzamos o pico".
Por iso as autoridades sanitarias fan un chamamento á prudencia por parte dos máis novos e insisten na importancia do uso da máscara e de gardar a distancia de seguridade. "Fundamentalmente persoas mozas, pero tamén familias, que teñamos moito coidado nestes momentos. Sabemos que a vacina protexe a maioría das persoas, pero non a todas, sabemos que non é imposible estar vacinado e contaxiarse", asegura Félix Rubial, xerente da Área sanitaria de Ourense.
Unha medida que non se aprobou na última xuntanza do Comite clínico e que volverá estar sobre a e mesa o próximo marte é a implantación do certificado de vacinación ou dunha PCR negativa para acceder aos locais de lecer nocturno dos concellos en peor situación epidemiolóxica.
"Falamos cos representantes da hostalería de esixir a PCR e non lles parecía mal. Tería que ser en concellos dun nivel alto, pero iso permitiría que en interiores se puidese funcionar", explica o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda.
En sete concellos con nivel alto de risco, a hostalería só pode servir nas terrazas e coa metade de ocupación. Noutros 14 concellos en nivel medio de risco, os bares si poden servir no interior, pero con ocupación limitada ao 30 por cento.