A última coada toma contacto coa primeira que emerxeu do volcán de Cumbre Vieja
• A erupción afectou 1.005 edificacións e 30 quilómetros de estrada
• A mellora da calidade do aire permite levantar os confinamentos
A coada de material magmático que emerxeu este venres dos dous novos centros emisores de lava abertos a uns 600 metros do cono principal do volcán de Cumbre Vieja, na Palma, tomou contacto coa primeira das coadas que formou esta erupción volcánica.
Carmen López, responsable de Vixilancia Volcánica do Instituto Xeográfico Nacional, e Miguel Ángel Morcuende, director técnico do Plan de Prevención de Risco Volcánico das Canarias (PEVOLCA), explicaron a evolución da erupción volcánica que afectou xa 1.005 edificacións, das que 885 quedaron destruídas e 105 están danadas.
Morcuende sinalou que a erupción deixou inutilizados 28,3 quilómetros de estrada. Ademais, 201 persoas, das máis de 5.500 evacuadas, están albergadas nun hotel de Fuencaliente mentres que o resto permanece en casas de amigos ou familiares.
Sobre o avance da nova coada, Carmen López dixo que foi en paralelo ao da coada primixenia coa que xa tomou contacto lateral aínda que non se sabe con precisión se continuará a mesma ruta. Esta coada primixenia non é a que chegou ao mar e a que si o fixo, mantén un fluxo constante, explicou.
Novos focos emisores
Sinalou que no cono principal hai varios centros activos e dous ao noroeste do mesmo e non se descarta que se produzan novos focos emisores de material volcánico. López engadiu que a erupción fisural continúa mostrando mecanismo estromboliano, con fases explosivas e efusivas simultáneas.
Explicou que o terreo creado pola lava que chegou ao mar está a unha distancia superior aos 475 metros da liña de costa e alcanza unha profundidade de 30 metros mentres que a superficie cuberta polo delta lávico é de 27,7 hectáreas.
López sinalou que o penacho mariño, composto por vapor de auga e ácido cloríhidrico, constituído polo contraste térmico entre a lava e o mar, só ten incidencia na zona de contacto, aínda que advertiu que as poboacións próximas deben estar informadas sobre os cambios do vento.
Nube de cinza
Respecto á nube de cinza e dióxido de xofre, a técnica do Instituto Xeográfico Nacional indicou que, de acordo co vento, pode desprazarse cara ao sur da illa, polo que a zona mais afectada sería a parte sur-suroeste coa posibilidade da chegada de cinza fina ao Hierro.
As condicións meteorolóxicas son desfavorables para a calidade do aire, dixo a experta, que precisou que as medicións realizadas mostran unha melloría dos valores en Tazacorte, Los Llanos de Aridane e El Paso.
Con todo, puntualizou que o proceso de intrusión de po sahariano que se rexistra nas illas estes últimos días complica a situación porque se mestura coas partículas procedentes da erupción.
Poboación desconfinada
O director técnico do PEVOLCA confirmou que a poboación xa está desconfinada, pero calquera cambio comunicarase por megafonía nos núcleos afectados.
Neste sentido, explicou que as condicións meteorolóxicas do venres á noite, que propiciaron un empeoramento na calidade do aire, poden volverse repetir polo que pediu atención á información que chega polas canles oficiais.
Tanto López coma Morcuende relacionaron a sismicidade rexistrada co proceso eruptivo e, segundo o director técnico, agora mesmo "non debemos pensar noutras posibilidades", en referencia á apertura dunha boca eruptiva noutra zona da illa.