CRTVG

Buscar

Biden suspende durante cinco anos os aranceis que lastraron a industria agroalimentaria española

Publicado o 15/06/2021 20:02

• A UE e os EUA poñen fin á disputa comercial entre Boeing e Airbus

A Unión Europea e os Estados Unidos puxeron fin á disputa comercial entre Boeing e Airbus mediante un acordo polo que se amplía a suspensión dos aranceis por un período de cinco anos.

Nunha chamada telefónica con xornalistas, a representante de Comercio americana, Katherine Tai, precisou que a interrupción das taxas mutuas se fará efectiva o 11 de xullo.

Segundo dixo, o seu país manterá a suspensión "coa condición de que o apoio da UE a Airbus sexa coherente cos termos do acordo", é dicir, que non cruce ningunha "liña vermella e os fabricantes estadounidenses poidan competir de forma xusta".

Tai explicou que ambas as dúas partes conviñeron, no marco deste pacto, ser claras sobre o que é "un apoio aceptable a grandes fabricantes aeronáuticos civís" e establecer un proceso de cooperación para abordar esa axuda.

Outro punto do arranxo é "superar as diferenzas fronte á China". Respecto a iso, comprometéronse a colaborar de xeito significativo. "Para confrontar os investimentos no sector aeronáutico por parte de actores alleos ao mercado nas nosas economías", segundo subliñou Tai.

A disputa máis longa da OMC

A disputa entre a europea Airbus e a americana Boeing é unha das máis longas da historia da Organización Mundial de Comercio (OMC). Comezou no 2004 cando se iniciou o proceso de denuncias polos subsidios concedidos por ambas as partes a esas dúas grandes compañías.

A OMC declarou ilegais as axudas, e iso, no 2019, permitiulle ao expresidente dos EUA Donald  Trump (2017-2021) impoñer represalias sobre produtos comunitarios por valor de 7.500 millóns de dólares (6.172 millóns de euros).

Un ano máis tarde, a UE respondeu con aranceis a exportacións estadounidenses valoradas en 4.000 millóns de dólares (3.292 millóns de euros).

En marzo pasado, acordaron suspender eses aranceis durante catro meses, ata o 11 de xullo, para dar tempo a negociar unha solución.

Efectos na exportación española

A disputa entre ambas as potencias afectara 113 categorías de produtos da industria de alimentación e bebidas españolas que representan o 53,1 % dos produtos exportados aos Estados Unidos, que están entre os 20 máis vendidos a ese país, segundo a plataforma de sectores afectados polos aranceis.

As exportacións destes produtos agroalimentarios descenderon en gran medida entre novembro de 2019 e febreiro de 2021. Nese período aplicáronse tales aranceis, en comparación co período sen aranceis comprendido entre novembro de 2017 e febreiro de 2019.

Reaccións en España

O Goberno español e as organizacións do sector agroalimentario celebraron este martes o acordo alcanzado pola Unión Europea (UE) e Estados Unidos (EE.UU.), polo que ambas as partes suspenden por cinco anos os aranceis no marco de conflito Boeing-Airbus.

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, subliñou que o acordo mostra un "novo espírito de cooperación" transatlántica. Os ministerios de Industria, Turismo e Comercio e de Agricultura, Pesca e Alimentación celebraron o acordo e destacaron que permitirá recuperar as exportacións a EE.UU.

A titular de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, subliñou que permite recobrar unhas operacións "chave para nosas empresas e para a recuperación da economía española", mentres que o titular de Agricultura, Luís Planas, apuntou que os aranceis gravaron “inxustamente” os envíos españois.

En 2020, España vendeu produtos agroalimentarios a EE.UU. por 2.085 millóns de euros, segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). A industria alimentaria española recibiu con "moito alivio" a suspensión dos aranceis, segundo o director xeral de FIAB, Mauricio García de Quevedo, quen destacou que se abre agora unha nova oportunidade para que España fortaleza a súa posición nese mercado.

O director xeral da Federación Española do Viño (FEV), José Luis Benítez, expresou a súa satisfacción por unha “excelente noticia" que acaba cunha situación que era "tremendamente inxusta" e que devolve o optimismo ás adegas españolas en Estados Unidos.

Cooperativas Agro-alimentarias de España celebrou o acordo tamén e pediu apoio institucional para que os produtores recuperen o mercado estadounidense xa que, segundo os seus datos, as exportacións a ese país caeron un 17 % en 2020.

Pola súa banda, o presidente da organización agraria Asaja, Pedro Barato, declarou que o pacto é "unha decisión moi positiva" para as exportacións españolas agroalimentarias ao mercado estadounidense. En relación coas estas exportacións, a organización agraria COAG cifrou en “máis de 2.000 millóns de euros” as vendas que salva España grazas ao compromiso, que o seu secretario xeral, Miguel Blanco, cualificou como un “balón de osíxeno” para os agricultores.

Con todo, seguen aplicándose as represalias aduaneiras de EE.UU. contra a oliva negra de mesa, asociadas a un litixio distinto, que comezou en 2018, vinculado a un proceso anti-dumping, impulsado pola Administración do expresidente Donald Trump contra as subvencións comunitarias.

UPA espera que o fin dos aranceis con Estados Unidos sexa "unha decisión xeopolítica que marque a senda do futuro no tema do mercado mundial de alimentos". Tras valorar o acordo alcanzado, esta organización agraria sinalou que esta decisión "debe ser a primeira dunha serie de boas noticias relativas ás relacións comerciais de España e Europa con terceiros países"

 

Noticias web

15/06/2021