A UE e o Reino Unido salvan cun acordo comercial o abismo dun "brexit" duro
Catro anos e medio despois de que os británicos decidisen deixar a Unión Europea, e 11 meses despois de que o brexit fose oficial, o Reino Unido e os 27 acordan os termos da súa relación futura.
Ursula von der Leyen, presidenta da Comisión Europea, salientaba que "por fin chegamos a un acordo. Foi un camiño longo e revirado, pero podemos mostrar un bo acordo. É xusto e equilibrado".
É un documento de máis de 2000 páxinas do que aínda se descoñecen os detalles. Algúns deunos o propio Boris Johnson. Falou dun acordo comercial valorado en máis de 740.000 millóns de euros e, a semellanza do que manteñen con Canadá, libre de aranceis.
Boris Johnson, primeiro ministro do Reino Unido, dixo que é "un acordo que protexerá os empregos en todo o país, un acordo que permitirá vender as mercadorías británicas sen tarifas e sen cotas no mercado europeo, un acordo que lle permitirá aos nosos exportadores facer mesmo máis negocios cos nosos amigos europeos".
A presidenta europea matizaba que se inclúen ferramentas para reaccionar en caso de que se distorsione a libre competencia. Sobre a pesca, un dos asuntos máis espiñentos, as partes acordaron un período compartido de 5 anos no que o Reino Unido irá aumentando a súa porcentaxe de capturas nas súas augas do 50% aos 2 terzos.
Un día de alivio, resumía Michel Barnier, xefe negociador da Unión Europea. O acordo do brexit terá que ser agora convalidado polos 27 e polos parlamentos británico e europeo.
The deal is done. pic.twitter.com/zzhvxOSeWz
— Boris Johnson (@BorisJohnson) December 24, 2020