CRTVG

Buscar

A UE súmase aos Estados Unidos e apoia a investigación sobre a orixe da covid

Publicado o 10/06/2021 15:14

A Unión Europea defendeu este xoves a necesidade de investigar cal foi a orixe da pandemia do coronavirus, tal e como xa solicitaran os Estados Unidos.

Charles Michel, presidente do Consello Europeo, dixo: "O mundo ten o dereito de coñecer que pasou exactamente para sacar as leccións; apoiamos todos os esforzos para lograr esta transparencia e coñecer a verdade".

Fixo estas declaracións nunha conferencia de prensa previa ao cumio do G7 que comezará este venres no Reino Unido.

Ursula Von der Leyen, a presidenta da Comisión Europea, defendeu: "Os investigadores necesitan acceso completo ao que é necesario para atopar realmente a orixe desta pandemia".

"Existe unha gran variedade de diferentes opcións que se están investigando agora mesmo e é importante que precisemos para ter unha única fotografía sobre o principio da pandemia", dixo Von der Leyen. 

A petición chega tras a misión que a Organización Mundial da Saúde (OMS) mandou á cidade chinesa de Wuhan -na que supostamente xurdiu o SARS-CoV-2-, que deixou dúbidas na comunidade internacional sobre as súas conclusións, debido á presión de Pequín.

Ademais súmase ao feito de que Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, pedise aos seus servizos de intelixencia que redobren os esforzos para coñecer a orixe do virus.

Noticias web

10/06/2021