A UE defende a necesidade de establecer "diálogo" cos talibáns para evitar unha crise humanitaria e migratoria
EUROPA PRESS
O Alto Representante de Política Exterior e Seguridade Común da UE, Josep Borrell, defendeu a necesidade de que o bloque estableza un "diálogo" cos talibáns co obxectivo de evitar que a súa chegada ao poder en Afganistán derive nunha crise humanitaria e nun potencial "desastre" migratorio.
"Teremos que estar en contacto coas autoridades en Cabul. Os talibáns gañaron a guerra, así que teremos que falar con eles para iniciar un diálogo canto antes para evitar un potencial desastre migratorio pero tamén unha crise humanitaria", asegurou na conferencia de prensa posterior á reunión telemática de ministros de Exteriores da UE.
Así, co obxectivo de conseguir que a "nova situación política" do país asiático non desemboca nun "movemento migratorio de gran escala cara a Europa", os Vinte e sete deben coordinarse e "apoiar" os veciños de Afganistán e os países "de tránsito".
Este diálogo cos insurxentes debe estar tamén centrado, segundo Borrell, en impedir "a volta de terroristas estranxeiros a Afganistán".
A chanceler alemá Angela Merkel defendeu que os refuxiados deben trasladarse en primeiro lugar aos países veciños e valorar despois se algún deles require un traslado a Europa.
No aeroporto de Cabul proseguen as repatriacións. O Pentágono di que sae un avión por hora. Pero os talibáns controlan os accesos e dificultan a saída de persoas afgás que colaboraron cos exércitos estranxeiros.
Mentres tanto, nos Estados Unidos, o presidente Biden xustifica a súa saída precipitada de Afganistán dicindo que a intención deles nunca foi establecer unha democracia no país, senón evitar ataques terroristas.
Biden falou nunha comparecencia sen preguntas que xa recibiu numerosas críticas por parte dos republicanos.
Os talibáns, que xa recibiron o apoio da China e Rusia, controlan triunfantes as rúas de Cabul. Intentan dar unha imaxe moderada, aceptando incluso ser entrevistados por mulleres, pero poucas son as que se atreven a saír á rúa.