CRTVG

Buscar

A UE aproba o fondo de 17.500 millons para apoiar as rexións máis afectadas pola transición verde

Publicado o 07/06/2021 21:01
EUROPA PRESS

A Unión Europea completou este luns a aprobación do novo Fondo de Transición Xusta, a ferramenta coa que o bloque quere impulsar a transición ecolóxica e paliar as consecuencias naquelas rexións máis dependentes dos combustibles fósiles a través dunha dotación de 17.500 millóns de euros durante o próximos sete anos.

Tras recibir o apoio do Parlamento Europeo a mediados de maio, os gobernos da UE deron este luns o último paso para a súa aprobación e agora o regulamento debe ser publicado no 'Diario Oficial da UE' para entrar en vigor ao día seguinte. O Fondo de Transición Xusta contará cunha dotación de 7.500 millóns de euros procedentes do orzamento comunitario e de 10.000 millóns a cargo do fondo europeo de recuperación. A España correspóndenlle case 800 millóns de euros entre as dúas fontes de financiamento.

Galicia é unha das cinco comunidades beneficiadas xunto a Andalucía, Asturias, Aragón e Castela e León. Cerceda e As Pontes recibirán cartos para pechar ou reconverter as súas térmicas. A Xunta manifestou tamén a súa intención de desenvolver novas instalacións de paneis solares e muiños de vento.

O Fondo de Transición Xusta é o primeiro piar do Mecanismo de Transición Xusta, un instrumento clave dentro do Pacto Verde co que a UE quere emprender a transición ecolóxica no seu camiño cara a unha economía libre de emisións de gases de efecto invernadoiro a metade de século. Os países da UE tamén poderán recorrer aos seus recursos para apoiar pequenas empresas, incubadoras de negocios, universidades e organismos públicos de investigación. Da mesma forma, poderán financiar investimentos en novas tecnoloxías enerxéticas e proxectos para mellorar a eficiencia enerxética ou para transitar cara a unha mobilidade sostible.

O principio "esencial" das axudas deste fondo é axudar os traballadores afectados pola transición verde a "adaptarse a novas oportunidades de emprego" a través de investimento en formación e reciclaxe profesional, a asistencia na procura dun novo emprego e medidas de inclusión social, explicou nun comunicado o Consello da UE. "O Fondo de Transición Xusta proporcionará un apoio moi necesario ás empresas e traballadores a escala local, de modo que poidamos loitar xuntos contra o cambio climático sen deixar a ninguén atrás", resumiu o ministro de Planificación de Portugal, país que ostenta ata finais deste mes a presidencia de quenda da UE, Nelson de Souza.

Os estados membros terán a competencia para determinar cales son as súas rexións máis afectadas pola transición enerxética e concentrar neles as axudas deste fondo, aínda que deberán prestar "atención especial" a illas, zonas insulares e rexións ultraperiféricas. En calquera caso, non se poderán utilizar os recursos do Fondo de Transición Xusta para subvencionar a incineración de residuos, o desmantelamento ou construción de centrais nucleares ou actividades relacionadas con produtos do tabaco ou os combustibles fósiles, explica a Eurocámara.

A normativa, con todo, condiciona o desembolso de parte das axudas á adopción de compromisos por parte dos socios do bloque para lograr a neutralidade climática en 2050. Pola contra, os Estados membros só terán dereito ao 50% da súa asignación. Ademais, os países poderán transferir de forma voluntaria recursos doutros fondos de cohesión para financiar as medidas relacionadas coa transición ecolóxica. A UE financiará un 85% do gasto de proxectos de rexións menos desenvolvidas, o 70% en rexións en transición e a metade nas rexións máis desenvolvidas da UE.

 

Noticias web

07/06/2021