A UE advirte a Londres do risco de incumprir o acordo do 'brexit'
A alarma xurdiu dunha nova do xornal económico Financial Times. Avanza que a futura lei británica do mercado interior ignora os controis de mercadorías entre Gran Bretaña e Irlanda do Norte, un dos compromisos adquiridos polo Goberno de Boris Johnson a cambio de manter aberta a fronteira terrestre con Irlanda. Londres tamén pretendería manter axudas estatais ás empresas británicas incompatibles co pactado con Bruxelas.
A nova fixo saltar as alarmas: a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, lembroulle a Londres que está obrigado polas leis internacionais a cumprir o asinado, e o negociador xefe da Unión, Michel Barnier, ameazou con que os produtos británicos paguen no futuro os mesmos aranceis que calquera outro país do mundo en caso dun divorcio polas bravas. O desencontro chega en vésperas da 8ª rolda de negociacións para chegar a un acordo final: ademais destas friccións, preocupa a negativa do Reino Unido a permitir a presenza de pescadores comunitarios nas súas augas territoriais.
O Reino Unido debería deixar a Unión o 31 de decembro, aínda que o propio Boris Johnson fixou este domingo o 15 de outubro como data límite.