A UE acepta atrasar o 'brexit' británico ata o 31 de xaneiro de 2020
Os países que seguirán na Unión Europea (UE) tras o 'brexit' aceptaron este luns atrasar ata o 31 de xaneiro de 2020 a saída do Reino Unido do club comunitario, tal e como solicitara o primeiro ministro británico, Boris Johnson.
Os embaixadores dos Vinte e sete tomaron a decisión durante unha nova reunión hoxe, despois de que o venres non lograran acordar de forma unánime a duración da nova prórroga.
"Os Vinte e sete acordaron que aceptarán a petición do Reino Unido para unha extensión flexible ata o 31 de xaneiro de 2020", escribiu o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, no seu perfil de Twitter.
The EU27 has agreed that it will accept the UK's request for a #Brexit flextension until 31 January 2020. The decision is expected to be formalised through a written procedure.
— Donald Tusk (@eucopresident) October 28, 2019
O político polaco precisou nesa mesma mensaxe que se espera que a decisión sobre a prórroga se formalice "por procedemento escrito", o que significa que non será necesaria un cumio extraordinario de líderes da UE para que o novo atraso do 'brexit' se faga efectivo.
Tusk indicou en Twitter que a extensión é "flexible", de modo que o Reino Unido poderá quedar fóra da Unión o primeiro día do mes posterior a que o Parlamento de Westminster ratifique o acordo de saída.
En calquera caso, para que o 'brexit' sexa efectivo, o Parlamento Europeo tamén debe ratificar o acordo.
Así, se a Cámara dos Comúns e a Eurocámara aproban o pacto durante novembro e o Reino Unido está listo ese mes para abandonar o club comunitario, o 'brexit' terá lugar na noite do 30 de novembro ao 1 de decembro.
Se a ratificación parlamentaria en Londres conclúe en decembro, a retirada produciríase o 31 de decembro, e se finalmente a aprobación en Westminster ten lugar en xaneiro, o 'brexit' sería o 31 dese mes, a data límite da nova prórroga.
Esa mesma fórmula xa se expuxo cando os Vinte e sete concederon a anterior extensión en abril, ata o 31 de outubro.
Ao saír da reunión de embaixadores hoxe, o negociador da Unión para o 'brexit', Michel Barnier, asegurou que fora un encontro "curto, efectivo e construtivo".
O primeiro ministro británico solicitara a Bruxelas un novo atraso da data de saída forzado pola Cámara dos Comúns e ante as dificultades para aprobar o acordo de retirada en Westminster antes do 31 de outubro, a anterior data do 'brexit'.