A TVG, líder de audiencia cunha cota diaria de pantalla do 14,3 por cento
A TVG segue sendo a canle preferida polos galegos. Entre os meses de febreiro e novembro, a Galega foi líder absoluta na nosa comunidade cunha cota de pantalla diaria do 14,3%.
Os servizos informativos reforzan este liderado. Entre as nove e as nove e media da mañá, o Bos días dispara a súa audiencia ata o 30,6% de cota de pantalla.
Xa ao mediodía, a información de proximidade exhibe o seu gancho: o Galicia noticias acada un 33,6% de cota de pantalla.
O Telexornal mediodía toma a remuda e mantense entre as dúas e media e as tres da tarde por riba do 30%. Á noite, entre as nove e as nove e media, en pleno horario de máxima audiencia, a faixa de maior competencia entre todas as cadeas, o Telexornal serán acada unha cota de pantalla do 15,5%.
Históricos resultados tamén na Radio Galega, os mellores desde 2013. 181.000 oíntes diarios e un crecemento do 38% respecto da anterior mostra do EXM. A primeira hora, o Galicia por diante suma 50.000 novos oíntes e sitúase en 125.000, o dobre que hai un ano.
Tamén é exponencial o crecemento que experimenta Radio Galega Música: 25.000 novos oíntes reverten nun crecemento do 61% nos últimos doce meses.