A TVG estrea temporada cunha ampliación dos informativos durante a fin de semana
A nova temporada trae tamén novidades nos nosos informativos de fin de semana. Apunten porque hai cintas novas: o 'Bos días’ traerá a información máis madrugadora tanto os sábados os domingos pola mañá. Tamén se estende á fin de semana o ‘Galicia noticias’, e cambian de horario o Labranza e o Vivir o mar.
A Televisión de Galicia estrea temporada co obxectivo de ofrecer máis información durante a fin de semana. Nunha aposta pola actualidade comarcal, tamén se estende á fin de semana o Galicia Noticias. Presentado por Chus Tanoira, emitirase sábados e domingos a partir da 1 e cuarto. Contará con conexións en directo nos principais puntos informativos, dando conta das noticias e os sucesos máis próximos.
O Bos días adquire un gran formato, xa que, ademais de emitirse de luns a venres, agora esténdese tamén a sábado e domingo. Os sábados amplía a súa duración a unha hora, ocupando a franxa de 9.30 a 10:30. E por primeira vez haberá Bos días o domingo pola mañá, a partir das 10.30. Un espazo informativo presentado por Almudena Rodriguez de Urzáiz, que tamén contará con entrevistas en directo.
A realidade do agro galego e os seus distintos sectores produtivos seguirán tendo o seu propio espazo na Galega. Manuel Cruz continúa ao mando do Labranza, que pasa a emitirse os sábados á unha menos cuarto. A esa mesma hora, cada domingo, haberá tamén unha nova entrega de Vivir o mar. Un programa con vocación didáctica, que afonda no sector marítimo e pesqueiro de Galicia, clave no desenvolvemento socioeconómico do país.