"A túa bici vella vale un sorriso", volve a campaña do Concello de Narón
Queren darlle unha segunda vida a esas bicicletas que xa non se usan. Por iso, en Narón, convidan a participar na xa tradicional campaña de bicis solidarias.
"Valen tamén as bicis estáticas... As que xa non se usen...", di Pedro Caneiro, coordinador de Educación Viaria da Policía Local.
Comezaron coa campaña hai sete anos e hai dous decidiron incorporar a recollida de patinetes.
"Recollemos unha media de 60 bicis ao ano", conta Sonia López, tamén integrante do equipo de Educación Viaria da Policía Local.
Piden que estean no mellor estado de conservación posible. Porén, aquelas que teñan algún dano son reparadas polo Equipo de Educación Viaria. Tamén Gabriel, de xeito voluntario, fai o propio no seu local. "Nós, nas horas mortas, revisámolas...".
Quen queira colaborar pode facelo ata o 21 de decembro no Concello de Narón.