CRTVG

Buscar

O sector pesqueiro pide que Irlanda axilice a investigación sobre o Punta Candieira

Publicado o 03/06/2021 14:32

A policía irlandesa segue a investigar se o barco galego Punta Candieira invadiu as súas augas territoriais ben coa nave, ben cos aparellos de pesca. Os tripulantes permanecen retidos en Irlanda dende o martes á espera de que se aclare se houbo ou non entrada nas augas dese país.

A Consellería do Mar xa se puxo á disposición dos mariñeiros galegos. "Sabemos que a tripulación se atopa ben e estamos á espera de que se decida rápido a situación que levou a este apresamento e que pronto poidan retomar a actividade. De momento non temos máis información", explicaba a conselleira, Rosa Quintana.

Dende as confrarías piden que se axilice a investigación e os trámites burocráticos para que o Punta Candieira poida retomar a actividade e os 15 tripulantes regresen pronto á casa.

Basilio Otero, presidente das confrarías de España, pedía que "a burocracia sexa a mínima posible e que o barco poida seguir pescando e as familias estean tranquilas".

As confrarías aseguran que o Punta Candieira só puido entrar en augas irlandesas ou ben por un erro ou ben por unha causa de forza maior. A análise da caixa azul do barco determinará o acontecido.

 

Noticias web

03/06/2021