O crime da Pastoriza volve poñer de loito o país pola violencia machista
• Para este luns hai convocadas concentracións de repulsa en 21 localidades
• O Concello da Pastoriza decretou dous días de loito oficial
• Primeira vítima de violencia machista este ano en Galicia
O Concello da Pastoriza decretou dous días de loito oficial polo crime de Crecente -hoxe cúmprese a segunda xornada-, onde un home de 82 anos, Hortensio Ónega, supostamente asasinou á súa muller, Manuela Iglesia, de 79, para logo arroxarse por unha xanela do domicilio familiar para acabar coa súa vida.
Para hoxe foron convocadas 21 concentracións de repulsa por este crime en toda Galicia e na Pastoriza, concretamente, está previsto que se celebre ás 20:30 horas na Praza do Concello.
A Xunta de Galicia expresou mediante un comunicado a súa condena a este novo crime machista, á que tamén se sumaron outras institucións, colectivos e partidos políticos.
A morte desta octoxenaria presuntamente a mans do seu home, que logo se suicidou, ten conmocionada a parroquia de Crecente, no concello lugués da Pastoriza. Ninguén entende o que puido pasar porque daban a imaxe de ser un matrimonio sen problemas.
O corpo da muller estaba na cociña, cun golpe na cabeza e preto dela ao parecer había varios coitelos con sangue. A neta e o seu mozo foron os que atoparon o cadáver ao regresar pola tarde á vivenda. O marido da vítima estaba ao carón da casa. Segundo parece, tirárase pola fiestra. Non constan denuncias presentadas por maltrato.
Na casa familiar vivía o matrimonio falecido, a filla, o seu home, a neta e o seu mozo.
O alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, foi dos primeiros en chegar. Coñecíaos persoalmente e non oculta a súa sorpresa polos feitos.
A corporación celebrou un pleno extraordinario para manifestar as súas condolencias, acordou pór as bandeiras a media hasta e decretou dous días de loito.
A Garda Civil recabou pistas para investigar que puido pasar.
Coa morte desta veciña da Pastoriza e se se confirma que o autor foi o seu home xa van seis mulleres falecidas vítimas da violencia machista no que vai de ano en España.