CRTVG

Buscar

A temporada de alto risco de incendios comeza o 1 de xullo coa prohibición das queimas

Publicado o 30/06/2019 14:57

Entramos en época de alto risco de incendios e a partir do luns 1 de xullo suspéndense os permisos para queimas controladas. En toda Galicia hai 71 parroquias con alto risco de incendio. Ourense é especialmente vulnerable. É a provincia con más zonas altamente incendiables, cun total de 48, Pontevedra ten quince, A Coruña sete e Lugo unha.

En caso de facer a queima sen autorización, hai un risco dobre: a sanción, que adoita subir dos trescentos euros, e que se provoque un incendio, co cal as consecuencias son moito máis gravosas.
 "Ademais da sanción, teñen que facer fronte aos custos de extinción e iso si que é un gravame moi alto", di Carlos Sanmiguel, axente medioambiental.

E dentro do plan de prevención de incendios forestais da Xunta, tamén está a obriga de rozar as leiras. O prazo remataba o 31 de maio e xa se están a notificar sancións. A obriga afecta ás áreas de 50 metros arredor de núcleos de poboación, edificios e instalacións, que deben estar libres de maleza.

Os donos das leiras sen limpar poderían ter que facerlle fronte a unha sanción, que vai dos 100 euros ata os 100.000, nos casos máis graves. En 2018, en toda Galicia enviáronse unhas 2.400 notificacións de multas.

Noticias web

30/06/2019