CRTVG

Buscar

A Televisión de Galicia, líder absoluto de audiencias na xornada electoral

Publicado o 13/07/2020 13:06

• Máis dun millón de impresións nas redes sociais da corporación

A CRTVG foi a referencia informativa para os galegos na xornada electoral de onte, en que a despregadura dos equipos da TVG ao longo do día foi recompensada pola audiencia cunha cota de pantalla do 25,3 % no prime time. Superou así en máis de 14 puntos o seguinte competidor privado (La Sexta, 10,8 %) e case 19 puntos por riba do público (TVE 6,3 %).

O Especial Eleccións de cinco horas de directo desde o Estudio 5 de San Marcos, presentado por Marta Darriba, acadou o seu "minuto de ouro" ás 22:58 h, cunha audiencia de 277.000 telespectadores conectados coa Televisión de Galicia, nunha xornada en que dos cinco programas máis vistos en Galicia os 4 primeiros foron da TVG.

A Radio Galega desenvolveu durante toda a xornada un amplo dispositivo de cobertura con ducias de puntos de conexión polas catro provincias. Tamén a web crtvg.gal foi un punto de referencia para os galegos neste domingo electoral, cunha infografía específica desenvolvida para o seguimento da xornada e do escrutinio en tempo real.

Ademais, as redes sociais da CRTVG acadaron máis de 1.400.000 impresións, nunha interacción coa audiencia dixital liderada desde as contas corporativas de Twitter @TVGalicia, @RadioGalega e @G24noticias, onde se acadaron 829.500 impresións, e no Facebook, onde se chegou ás 572.000.