A taxa de letalidade en Galicia está no 6,5%, cinco puntos por baixo da media española
A curva de contaxios en Galicia evoluciona favorablemente dende que a epidemia acadou o seu pico máis crítico a comezos de abril. A taxa de letalidade do virus na nosa comunidade é a máis baixa de toda España, ao redor do seis e medio por cento, cinco puntos por debaixo da media. E, segundo os últimos datos, hai 28 persoas ingresadas en UCI. Un equipo de investigadores galegos e portugueses fixo unha proxección matemática da epidemia en Galicia.
Tamén os expertos sanitarios sinalan a importancia de manter as precaucións aínda que se relaxe o confinamento. E advirten das dificultades de xestionar un posible rebrote cara a finais de ano.
Ante un hipotético repunte, o Sergas mobilizou máis de dez mil camas en hospitais e case 700 en UCI, cifras que superan o esixido polo Ministerio de Sanidade para avanzar na desescalada.
Todas as comunidades autónomas pediron entrar o próximo luns na fase 1 salvo Cataluña e Castela e León, que prefiren manter as áreas máis poboadas co confinamento actual e abrir só as zonas rurais.