CRTVG

Buscar

'A sombra da lei' de Dani de la Torre, con protagonismo galego

Publicado o 20/10/2018 13:21

Boa parte do equipo de A sombra da lei estivo tamén en O Descoñecido, a primeira longametraxe do monfortino Dani de la Torre.

E moitos dos que repiten con el neste novo proxecto son galegos. Ademais do director, a produtora, Vaca films, e o protagonista, Luís Tosar. Hai unha importantísima presenza galega nos distintos departamentos que interveñen na creación dun filme coma este.
Na parte artística déixanse ver uns cantos actores. Algúns, con pequenas intervencións, coma Nacho Castaño, Federico Pérez e Xosé Barato. Outros, con maior presenza. O cantautor compostelán Fredi Leis debuta no cinema co personaxe dun dos policías que acompaña a Tosar.

Nunha pelicula de época, o vestiario é fundamental para recrear o ambiente da Barcelona dos anos 20. Á fronte deste departamento estivo Ana López, co reto de vestir dende unha protesta obreira ás artistas do mellor cabaré da cidade. Máis galegos no equipo: Raquel Fidalgo, asina a maquillaxe do filme; Alberto Hortas, os efectos deste departamento e Noé Montes a perruquería.

O montador do filme é o tamén director Jorge Coira e os autores da música son Manue lRiveiro e Xavi Font. Gravaron a banda sonora coa Sinfónica de Galicia acompañando a voz da soprano Ainoha Arteta no pazo da Ópera da Coruña. Durante a rodaxe moitos deles admitiron formar parte xa dunha gran familia que se volveu unir para sacar adiante todo un reto: rodar por primeira vez en Galicia unha historia coa complexidade de A sombra da lei.

Noticias web

20/10/2018