CRTVG

Buscar

Desfibriladores nas comunidades de veciños: a Sociedade Española de Cardioloxía defende anticiparse ao risco

Publicado o 17/06/2021 14:27

Un pesqueiro dunha armadora de Vigo foi o primeiro buque de pesca da frota española en levar un desfibrilador a bordo. Foi en 2017. No 2019 comezaron a instalarse 70 destes dispositivos nos albergues públicos do Camiño de Santiago. Cando unha persoa sofre unha parada cardíaca, os desfibriladores semiatomáticos son unha ferramenta básica para poder tratar ese paciente mentres non chegan os equipos de atención sanitaria. Por iso agora a Sociedade Española de Cardioloxía pon o foco nas comunidades de veciños.

José Ramón Juanatey, membro da Sociedade Española de Cardioloxía, insiste en que hai que "pensar que ao ano en España hai 40.000 paradas cardíacas das cales se recuperan escasamente o 10%. Temos que aumentar isto e a mellor forma é formando moita xente en como se fai unha reanimación cardiopulmonar básica e dispoñer de desfibriladores semiautomáticos en lugares públicos como as comunidades de veciños".

Máis da metade das paradas cardíacas prodúcense no domicilio, por iso o fácil acceso a un desfibrilador aumenta as posibilidades de que o paciente sobreviva ou de que mellore o seu prognóstico.

Carmela Lavandeira Rábade, vicepresidenta do Colexio de Administradores de Fincas de Galicia, asegura que "pode ser a diferencia entre que unha persoa morra ou unha persoa viva. O que temos é unha implicación por parte da xente que vive nas comunidades se colocamos os desfibriladores para que realmente saiban manexalos".

Formar a cidadanía en técnicas básicas de reanimación cardiopulmonar e facilitar o acceso a desfibriladores son as dúas claves para a supervivencia dunha persoa que sofre unha parada cardiorrespiratoria, ou para reducir as posibles secuelas.

Noticias web

17/06/2021