CRTVG

Buscar

A socialdemocracia gaña en Alemaña pero a CDU non renuncia ao goberno

Publicado o 27/09/2021 15:24

A socialdemocracia supera por unha marxe estreita a CDU de Merkel sen Merkel. Pero o candidato democristián Armin Laschet non sé dá por vencido a pesar de obter o peor resultado para a súa formación dende 1949. Coa chanceler dos últimos dezaseis anos ao seu carón dixo que fará todo o posible por crear un goberno liderado polos conservadores. 

Unha posibilidade aberta, se fracasan as negociacións de Olaf Scholz, vicechanceler da gran coalición de goberno, que lle deu ao SPD unha suba que hai meses parecería imposible, ao capitalizar o seu cargo na administración Merkel. 

Todos miran agora aos Verdes, a candidata Annalena Baerbok non dá moitas pistas; máis próximos ao SPD, queren gobernar logo de obteren o seu mellor resultado histórico, arredor do 15 por cento, e de primeiras non rexeitan asociarse coa Unión Cristiá Demócrata. 

Á vista da fragmentación do voto, coalicións posibles hai moitas, pero realistas hai dúas, nas que están tanto os verdes coma os liberais. Fóra de todas está a ultradereita, que se mantén no Bundestag co dez por cento dos votos.

Por primeira vez farán falta tres partidos para formar goberno. Hai quen augura meses de negociacións para dar resolto o complexo panorama deste novo parlamento, que deixa a maior democracia de Europa en suspenso nun momento crítico.

Os verdes e os liberais terán a chave para elixir o sucesor de Angela Merkel. A coalición máis probable semella a coñecida como 'semáforo', polas cores dos seus integrantes: SPD, verdes e liberais. Queda fóra das quinielas a ultradereita, illada polo resto das formacións alemás, que pasa a ser quinto grupo no Bundestag.

O futuro chanceler alemán debe impulsar debates e medidas bloqueadas en Bruxelas por Merkel e os seus gobernos. Por exemplo, un orzamento específico para a zona euro que mobilice miles de millóns diante de futuras crises económicas ou aprobar dunha vez esa garantía europea de depósitos bancarios para protexer todas as contas de aforros dos cidadáns do continente.

Se o socialdemócrata Olaf Scholz forma Goberno tamén se agarda un impulso a ese seguro europeo de desemprego e se entran os Verdes nesa coalición lóxicamente haberá un reforzamento da transición ecolóxica impulsada dende aquí, dende Bruxelas.

Pero precisamente nin a Comisión, nin o Consello Europeo felicitaron a Scholz pola súa vitoria; si o fillo o presidente do Parlamento Europeo asegurando que non tempo que perder para garantir unha recuperación verde e social.

E ocorre tras unhas eleccións que marcan a fin dunha era tamén no conxunto da Unión. O adeus de Angela Merkel, líder non só de Alemaña senón tamén crucial no continente, que podería xestionar aínda durante unha longa interinaxe a maior economía europea.  

 

Noticias web

27/09/2021