Continúa o descenso de casos activos en Galicia e baixa a presión asistencial
• Notifican dous falecementos por covid, 2.604 na pandemia
• As persoas coa infección de covid son 4.041 (-345)
O Sergas notificou esta noite o falecemento de dúas persoas nos hospitais galegos que foran diagnosticadas por coronavirus. Asi a cifra de persoas mortas durante a pandemia elévase a 2.604. As últimas vñitimas mortais son un home de 49 anos no hospitai da Coruña e outro home de 90 anos en Ourense.
Con 50 contaxios a área de Lugo case duplica as cifras que rexistrou nos últimos días. Fai subir así o número total de casos novos en Galicia, pero os 169 contaxios computados ata as 6 da tarde deste venres son case a metade dos que tiñamos hai unha semana.
É polo tanto unha cifra que confirma a tendencia descendente, que tamén se constata no número de persoas con infección activa. Hoxe son 4.041 os infectados, e esta cifra descendeu en máis de 2.500 casos desde hai sete días.
En canto aos contaxios rexistrados no resto de áreas, A Coruña computou 39 positivos novos, Santiago 26, Vigo 22, Pontevedra 15, Ourense 13 e Ferrol 4, co que son cifras semellantes ás de días anteriores.
A situación hospitalaria tamén segue mellorando. Descendemos dos 150 pacientes ingresados e volvemos a cifras que non se rexistraban desde o 19 de xullo. Hai 103 pacientes en planta e 43 nas UCI, onde a melloría tarda máis en percibirse. O complexo hospitalario universitario da Coruña é o que máis enfermos críticos ten, 13.
Nas residencias de maiores quedan 50 anciáns infectados despois de que se detectaran 3 casos novos no xeriátrico do Bolo. Precisamente dúas das vítimas mortais das últimas horas procedían de residencias: da Domus Vi de Monforte e da das Gándaras, en Lugo. Os outros dous falecidos finaron no hospital da Coruña e de Santiago. No que levamos de semana notificáronse 18 falecidos con covid.