CRTVG

Buscar

A sentenza sobre o estado de alarma deixa patentes as discrepancias entre os maxistrados

Publicado o 20/07/2021 11:36
A sentenza sobre o estado de alarma deixa patentes as discrepancias entre os maxistrados

O Tribunal Constitucional comunicou a sentenza pola que declara ilegal o primeiro confinamento. Así que, xa se coñecen os detalles: estiman que houbo unha suspensión xeral do dereito á mobilidade e que para iso non chega co estado de alarma.

A maioría de maxistrados cren que o Goberno debeu optar polo estado de excepción aínda que supuxera unha limitación extrema de dereitos, sempre que tivera aval parlamentario. A sentenza foi aprobada por seis votos contra cinco.

O Tribunal Constitucional notificou á Avogacía do Estado e a Vox a sentenza pasadas as 22:00 horas deste luns e a pesar de que non puido achegarse o voto particular dun dos cinco maxistrados que discreparon da maioría, o do progresista Juan Antonio Xiol. Así o comunicou o propio tribunal sen dar explicacións sobre esta situación, pouco corrente, máis alá de dicir que os argumentos do maxistrado Xiol se coñecerán nos próximos días.  

Xa o xoves pasado foran filtrados os argumentos da sentenza, que sinala que, a xuízo dos seis maxistrados que apoiaron o fallo, o instrumento xurídico que se debera aplicar era o estado de excepción atendendo á "gravidade e extensión" da pandemia, que imposibilitou de facto un normal funcionamento das institucións democráticas mentres que os cidadáns viron afectado o normal exercicio dos dereitos, saturados os servizos sanitarios e afectadas as actividades educativas "e as de case calquera outra natureza". 

Na notificación oficial realizada, achéganse os votos discrepantes, entre eles o do presidente do tribunal Juan José González Rivas. Na súa opinión, foron constitucionalmente admisibles aquelas medidas que limitaron a liberdade de circulación, "pois non suprimían o exercicio do dereito e eran proporcionais na consecución do obxectivo público que as xustifica".

Máxime, engade, "ao ter en conta que a OMS, desde o primeiro momento (xaneiro 2020), nunha valoración científica e non política, considerou como factores decisivos da difusión do virus a mobilidade e os desprazamentos, e tamén as reunións privadas en grupos acumulados".   

No seu voto, González Rivas defende que o estado de alarma representou "unha contribución moi importante para evitar o contaxio masivo dunha enfermidade entón descoñecida e mortal".

O maxistrado Andrés Ollero, enmarcado no grupo conservador, emitiu outro voto particular desde "o máximo respecto" aos seus colegas ao "discrepar da consideración maioritaria de que, dada a intensidade da limitación de dereitos producida, tería lugar de feito unha auténtica suspensión destes que debese obrigar constitucionalmente a declarar un estado de excepción". 

"A clave, ao meu xuízo, radica en que ao declarar o estado de excepción se decide, a priori, afectar o contido esencial de dereitos fundamentais. Pola contra, considero que o estado de alarma só se converte en inconstitucional cando se detecta a posteriori —poida que mesmo de modo cautelar— que a limitación dos dereitos nas previsións da norma ou na aplicación a un caso concreto é desproporcionada e afecta por tanto ao seu contido esencial", resume. 

Ollero argumenta así mesmo que o estado de excepción "ten claros precedentes referidos a problemas de orde pública con notorias connotacións políticas", mentres que "o de alarma remite a catástrofes e situacións como a actual pandemia".

Para Ollero, "a realidade demostrou que unha pandemia pode afectar con máis intensidade a determinadas facetas dos titulares de dereitos constitucionais que un posible golpe de estado ou a invasión de divisións acoirazadas".

Noticias web

20/07/2021