CRTVG

Buscar

A selección española de fútbol vacinarase este venres coa pauta completa

Publicado o 10/06/2021 21:06

EFE

A selección española de fútbol vacinarase este venres a partir das 10 horas coa pauta completa, segundo informou a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) nun comunicado en que deixa claro que está "agradecida e satisfeita ante a sensibilidade mostrada polo Goberno de España" ao acceder á súa petición.   

"A RFEF, en colaboración co Goberno de España, procederá a vacinar a Selección Nacional Absoluta. A finalidade desta vacinación é facilitar que España poida disputar a Eurocopa 2020 con plenas garantías de seguridade, ademais de permitir ao equipo nacional competir en igualdade de condicións con outras seleccións participantes que xa foron inmunizadas", indicou o organismo.   

"A vacinación levarase a cabo este mesmo venres na Cidade do Fútbol de Las Rozas a cargo das Forzas Armadas e comezará ás 10:00 horas. O equipo nacional vacinarase mediante a administración de diferentes vacinas en función da situación de cada membro", engade.   

Con todo, a RFEF especifica que os xogadores internacionais recibirán a pauta completa, así que, enténdese que será a vacina de Janssen a que se lles forneza aos futbolistas. "Desta forma, o combinado nacional finalizará o día de mañá coa pauta completa de vacinación para preservar a saúde e a seguridade da delegación española nun evento desta envergadura; queda así atendida a petición da RFEF ante tan excepcional situación, e agradéceo ao Goberno de España", sentencia a Federación, que non quería a vacina Pfizer polos posibles efectos secundarios antes de debutar na Eurocopa o vindeiro luns.

A decisión chega despois do positivo por coronavirus de Sergio  Busquets, a pasada semana, e do falso positivo de Diego Llorente. A RFEF xa solicitara este medida hai dous meses, antes de que Luís Enrique ofrecese a lista definitiva para o Campionato de Europa.

As palabras de Luis Enquique

Luis Enrique mantén o seu plan A e o seu plan B pero coas mellores expectativas. Este xoves foi outro día de PCR negativas, e as dúas baixas son recuperables. Busquets estará na Eurococpa.

Luis Enrique Martínez, adestrador da Selección española de fútbol: "Busquets estará na lista seguro"

E Diego Llorente está a un test de volver. "Parece un caso de falso positivo, hai que agardar a que se confirme".

Ata a tardiña houbo moitas dúbidas coa vacina. Sanidade autorizou primeiro Pfizer, a Federación española rexeitouna e pediu monodose Jansen para os que non pasaron a COVID−19. Luis Enrique explicou pola mañá que lle preocupaban as reaccións adversas nas vésperas dos partidos.: "Se hai acordo, que sexa o antes posible. Quero que os xogadores cheguen nas mellores condicións a todos os partidos".

Luis Enrique é optimista e percíbe a mellor disposición incluso nos xogadores da burbulla paralela. "Algúns estaban en Mikonos. En tres minutos estaban todos listos para vir a adestrarse coa selección. Sen garantía de nada".

E pola súa dura experiencia vital relativiza todos os problemas. "Para ser sincero, para min isto é un xogo de nenos comparado con algunhas cousas que tiven que vivir. Penso que só nos agardan cousas bonitas e que estamos preparados para dar guerra".

A primera batalla, o luns contra Suecia.

Noticias web

10/06/2021