A segunda vida dun Falcon: de levar presidentes a laboratorio de prácticas no FP de Lugo
En Lugo, os alumnos do ciclo superior de Aeromecánica contan para as súas prácticas cun material de excepción. O Exército do Aire cedeulles un avión Falcon, que os propios estudantes axudaron a traer desde Torrexón.
Este avión cedido polo Exército pasou de transportar altos cargos políticos a ser material de prácticas neste centro de Formación Profesional As Mercedes, de Lugo. Traelo desde Torrexón a Galicia, cos 20 metros que mide, foi toda unha aventura. Foron os propios estudantes os que o desmontaron para transportalo en 3 camións ata aquí. Agora estano a montar de novo mentres aprenden os segredos da mecánica dun avión de pasaxeiros.
Despois de medio século de servizo transportando presidentes, este Falcon 20 cumpre a súa última misión en Lugo. O Exército do Aire cedeuno para que estes futuros aeromecánicos poñan en práctica o aprendido nas aulas.
Primeiro centro cun avión como laboratorio
Traelo ata a escola foi todo un reto. En só tres días Luis e os seus alumnos quitáronlle a cola e as as para que chegara por estrada desde Torrexón. Unha aprendizaxe impagable para estudantes de segundo curso como Iago e Daniel. "A experiencia foi bastante instrutiva, traballamos bastantes horas ao día", din.
Coas súas propias mans encárganse agora de recompoñer o Falcon e de ir resucitando todos os seus sistemas. O obxectivo non é poñelo no aire de novo, senón que eles acaben voando sós.
En España só existen cinco centros que impartan este ciclo superior. O das Mercedes foi o primeiro en conseguir un avión comercial como laboratorio. Precisamente o sector onde agardan atopar traballo estes apaixonados da mecánica.