CRTVG

Buscar

A sede de Podemos en Cartaxena sofre un ataque con material explosivo

Publicado o 02/04/2021 13:18
A sede de Podemos en Cartaxena sofre un ataque con material explosivo

A sede de Podemos en Cartaxena sufriu esta madrugada un ataque con material explosivo, segundo denunciaron o secretario xeral do partido, Pablo Iglesias, e o deputado da formación violeta pola Rexión, Javier Sánchez Serna. "Esta noite a extrema dereita foi un paso máis aló e atacou a sede de Podemos Cartaxena con material explosivo", advertiu Sánchez Serna. O deputado publicouno nun chío acompañado por un vídeo no que se aprecia como lanzan un artefacto inflamable á sede de Podemos na cidade portuaria.

"Hai uns meses PP e VOX negáronse a apoiar unha declaración de condena polo último ataque", segundo Sánchez Serna. "Malditos sexan os que branquean o fascismo cada día", conclúe.

 

Pola súa banda, Iglesias publicou tamén un chío co vídeo adxunto no que lamenta o "ataque da ultradereita, con material explosivo, a unha sede Podemos hoxe mesmo". "O terrorismo nas rúas dos ultras non vai amedrentarnos", segundo Iglesias, quen reivindicou a "democracia, liberdade de expresión e xustiza social" fronte "aos violentos e os seus branqueadores".