CRTVG

Buscar

A sanidade madrileña asume o mando dos hospitais privados para frear o coronavirus

Publicado o 13/03/2020 10:34

Todos os recursos sanitarios da Comunidade de Madrid, tanto públicos como privados, estarán xestionados polo Goberno rexional co fin de atallar a pandemia do coronavirus na rexión, onde hai 38 falecidos e 1.388 contaxiados, preto da metade dos casos de España.

Esta "histórica" decisión fai parte do plan de acción ante o coronavirus, que prevé máis de 200 medidas e foi presentado en conferencia de prensa polo conselleiro de Sanidade Enrique Ruiz Escudeiro.

Un dos obxectivos é poñer ao dispor dos pacientes máis de mil camas en Unidades de Coidados Intensivos (UCI), para o cal é necesaria a "colaboración" dos hospitais privados, que atenden na rexión 120 casos por coronavirus.

O Executivo rexional chegou a un acordo coas aseguradoras para eliminar de forma temporal a cláusula que anula as pólizas contratadas no caso de enfermar por pandemia, como é o caso do coronavirus.

O plan sanitario prevé o uso de residencias de persoas maiores e hoteis medicalizados para tratar a pacientes de coronavirus na rexión, ademais de hospitais e dos propios domicilios dos afectados.

Outra novidade é que a proba diagnóstica do coronavirus (PRC) deixará de facerse na Comunidade de Madrid aos pacientes leves para substituírse por un "diagnóstico clínico" mediante a atención primaria telefónica ou, se fose preciso, en domicilio.

A Comunidade de Madrid vai duplicar o persoal que atende o teléfono gratuíto de información fronte ao coronavirus (900 102 112), que desde este venres contará con máis de 400 operadores para recibir as chamadas.

Así mesmo, a consellería tomou a decisión de suspender os permisos e licenzas de vacacións ao persoal sanitario polo avance da epidemia de coronavirus; tamén autoriza os centros a flexibilizaren as xornadas laborais segundo as necesidades.

"Queda na casa" é a mensaxe que están a enviar os médicos madrileños a través das redes sociais para frear a expansión do coronavirus na Comunidad de Madrid.

Á mensaxe sumouse a presidenta rexional Isabel Díaz Ayuso, quen pediu "responsabilidade" e "solidariedade", e tamén a todas aquelas persoas que mesmo non tendo "síntomas" poidan transmitir o coronavirus aos maiores e a outros colectivos de risco. Por esa razón, chamou a pechar as discotecas.

Na mesma liña se expresou o alcalde de Madrid José Luis Martínez-Almeida, que transmitiu aos mozos que esta situación "non é a dunhas vacacións; o que temos nestes momentos é unha crise, unha pandemia".