CRTVG

Buscar

A salvo dous mariñeiros que naufragaron en Poio tras embarrancaren nunhas rochas

Publicado o 14/12/2020 14:23

Dous mariñeiros foron rescatados esta noite en Poio logo de que a embarcación en que pescaban embarrancara nunhas rochas.

Son pai e fillo e pescaban nunha embarcación de sete metros de eslora que encallou nunhas rochas en Covelo. Unha patrulleira da Garda Civil rescatou os dous tripulantes e tamén remolcou a embarcación ata o peirao de Combarro.

Cansos e aínda conmovidos, Modesto pai e Modesto fillo revisaron o estado do seu pesqueiro no porto de Combarro poucas horas despois de se salvaren dun naufraxio.

Un golpe no casco e un grandísimo susto no corpo é todo o que queda da mala experiencia que estes mariñeiros da veciña parroquia de Campelo pasaron e que, por sorte, poden contar.

O lugar do accidente está fronte á praia de Covelo, é unha pedra coñecida como O Abade e que para Modesto é A Noiva, como aprendeu dos vellos mariñeiros cando comezou no oficio, hai trinta anos.

Puido ser un descoido naquela baixamar en que andaban ás nasas do camarón o que o levou a bater con ela, a pesar de toda a súa experiencia.

Ademais de Protección Civil e da Benemérita, na operación de rescate tamén interviñeron efectivos de Salvamento Marítimo, dos Gardacostas de Galicia, de Urxencias Sanitarias e da Policía Local de Poio.



 

Noticias web

14/12/2020