A saída da pandemia afectará a saúde do planeta
Vivimos se cadra unha das primaveras menos contaminadas do último século. O confinamento pola pandemia recluíu nas casas a maioría dos seres humanos do planeta, e iso traduciuse nunha redución drástica das emisións de gases e residuos, ata un 8 por cento de CO2, por exemplo. Un efecto, sen dúbida beneficioso para o planeta.
Porén, a pandemia trouxo tamén parada económica. E a ansia por unha recuperación veloz da actividade, pode, segundo algúns expertos, que algúns países deteñan a aposta pola enerxía verde e prefiran retomar os combustibles fósiles como recurso máis inmediato.
A necesidade de material médico e profiláctico para combater o virus disparou o consumo de químicos e sobre todo do plástico, outra das graves consecuencias da crise e un problema cuxa solución está cada vez máis lonxe.
Neste día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra co lema "A hora da natureza", a ONU fai fincapé na urxencia por evitar a perda de biodiversidade, un elemento chave na supervivencia da especie máis nociva para o medio, a humana.