CRTVG

Buscar

'Blue moon' acada a Cuncha de Ouro do San Sebastián máis feminista

Publicado o 26/09/2021 10:20
'Blue moon' acada a Cuncha de Ouro do San Sebastián máis feminista

O desexo de emancipación feminina en contextos hostís é o fío condutor do palmarés máis feminista da historia do Festival de San Sebastián que entregou este sábado a súa Cuncha de Ouro á película romanesa Blue moon, opera prima da tamén actriz Alina Grigore (Bucarest, 1984).

O xurado presidido por Dea Kulumbegashvili -gañadora o ano pasado con Beginning- recoñeceu o seu "compromiso coa linguaxe cinematográfica", a súa valentía e o seu xeito de plasmar "a pantasma da liberdade e o lado salvaxe da vida".

A Cuncha de Prata á mellor dirección para a dinamarquesa Tea Lindeburg por As in heaven e o Premio Especial do Xurado para a francesa Lucile Hadzihalilovic por Earwig completan o trío dos premios principais con nome e temática feminina neste Zinemaldia.

Ademais, o premio á mellor interpretación protagonista, que se estreaba na súa modalidade única sen distinción de xénero, concedeuse ex aequo á estadounidense Jessica Chastain, polo seu papel de telepredicadora en Os ollos de Tammy Faye e á dinamarquesa Flora Ofelia Hofmann por As in heaven.

O único premio hispano do palmarés oficial foi para o grupo de adolescentes españois protagonistas de Quien lo impide, de Jonás Trueba, Concha de Prata á mellor interpretación de repartición nese retrato xeracional das súas vidas, de a cabalo entre o documental e a ficción e rexistrado durante máis de cinco anos.

Candela Recio, Pablo Hoyos, Silvio Aguilar, Pablo Gavira, Claudia Navarro, Marta Casado, Rony-Michelle Pinzaru e Javier Sánchez agradeceron un premio que para eles significa, dixeron, que están a ser escoitados.

Na sección Horizontes Latinos o premio foi para outra muller, a mexicana de orixe salvadoreña Tatiana Huezo por Noite de lume, unha historia sobre a infancia e a maternidade ante a violencia nunha vila de México que tamén conquistou o premio AECI Cooperación Española e o premio Outra Mirada de RTVE.

Atmosfera opresiva

Alina Grigore, quinta directora que gaña a Cuncha de Ouro na historia, convenceu o xurado cun filme de atmosfera opresiva e irritante ambientado na Romanía rural, cuxa trama segue a evolución psicolóxica dunha moza que soña con escapar da súa familia disfuncional e dunha contorna violenta.

Admiradora de cineastas como Yorgos Lanthimos ou o romanés Cristi Puiu, con quen traballou como intérprete, Grigore opta por unha narrativa arriscada e ambivalente, con longos planos secuencia filmados cámara en man e pegada á protagonista.

Cuncha de prata

Cunha temática similar pero algo máis convencional na súa narrativa, a dinamarquesa Tea Lindeburg (Copenhague, 1977) conquistou a Cuncha de Prata á mellor dirección con outra opera prima, As in heaven, no seu caso un filme ambientado na Dinamarca rural de finais do XIX.

Lindeburg achega unha mirada orixinal ao introducir elementos oníricos nun drama de época que, doutra banda, está rodado nun estilo documental e dinámico afastado dos canons.

O Premio Especial do Xurado é para un perturbador conto gótico, Earwig, da francesa filla de emigrantes bosníacos Lucile Hadzihaililovic que levou o mesmo galardón neste certame en 2015 con Evolution pola súa especial forma de narrar, aínda que con argumentos difíciles.

Neste caso trátase dunha enigmática historia sobre unha nena cos dentes de xeo, que nunca sae do seu apartamento.

Mellor guión e fotografía

O premio ao mellor guión foi para o único nome exclusivamente masculino do palmarés, o británico Terence Davies, por Benediction, un biopic sobre Siegfried Sassoon (1886-1967), poeta británico antibelicista e homosexual, e asediado polas contradicións internas.

Por último, a francesa Claire Mathon obtivo o recoñecemento á mellor fotografía polo seu traballo en Enquête sur un scandale d'État/Undercover, un thriller xornalístico de Thierry de Peretti.

Xunto a Dea Kulumbegashvili, o xurado oficial estivo integrado pola directora chilena Maite Alberdi, a francesa Audrey Diwan, a actriz española Susi Sánchez e o produtor estadounidense Ted Hope.

Este ano as películas gañadoras nos festivais de cinema europeos principais foron dirixidas por mulleres: Julia Ducournau obtivo a Palma de Ouro de Cannes, Audrey Diwan o León de Ouro en Venecia e agora Alina Grigore a Cuncha de Ouro donostiarra.