CRTVG

Buscar

A rúa tamén lle rendeu homenaxe a Rubalcaba

Publicado o 11/05/2019 14:49

En ningún momento deixou de haber xente nas ringleiras que se formaron diante do Congreso. Se onte houbo que prolongar o velorio dúas horas máis do estipulado, ata a medianoite, esta mañá en cambio a organización do evento mantívose conforme o plan orixinal. Aqueles que non chegaron á gran cola exterior antes das doce xa non puideron entrar ao Salón dos Pasos Perdidos para despedir a Alfredo Pérez Rubalcaba.

A capela ardente estivo aberta desde as nove e dez da mañá ata as dúas da tarde. En silencio, levando flores, maiormente rosas vermellas, parándose ante o cadaleito, inclinando a cabeza, e mesmo dándolle o pésame á viúva, centos de anónimos rendéronlle homenaxe ao político socialista. Moitos escribiron as súas despedidas nos libros de condolencias instalados no Congreso dos Deputados.

O Partido Socialista Catalán abriu tamén un libro en Barcelona para que as persoas que o desexen, os que non puideron ir a Madrid, lembren por escrito o dirixente histórico do PSOE.

Noticias web

11/05/2019