A romaría da Franqueira recibe na Cañiza milleiros de fieis
O santuario da Franqueira, na Cañiza, acolle hoxe unha das romarías con máis sona do sur de Galicia. A festa comeza ben cedo, cunha peregrinación cara ao seu santuario polo monte Paradanta acompañados da imaxe máis representativa da súa parroquia.
Unha vez arriba, milleiros de fieis asisten á misa e renden a súa particular homenaxe á Virxe da Franqueira. Iso é dentro do templo. Nos exteriores, centos de persoas realizan as súas ofrendas nesta pequena capela.
A uns metros da igrexa, no alto, atopamos o recinto do santuario onde milleiros de fieis agardan para realizar o rito ancestral de benvida. Cada parroquia, unhas setenta, sosteñen o pendón, o estandarte, a cruz e a imaxe da súa Virxe. Prepáranse para realizar o acto de confraternización.
Emoción e devoción que se dan cita nunha romaría declarada de interese turístico de Galicia. Amais dos actos relixiosos, na Franqueira tamén é de obrigado cumprimento un bo xantar na mellor das compañías.