A Rioxa súmase aos peches dos centros educativos
• Mil seiscentos trinta e nove casos en toda España, e 35 falecidos
O peche de centros educativos foi a primeira medida extrema que anunciaron a Comunidade de Madrid e a cidade de Vitoria, as máis afectadas polo coronavirus, e hoxe sumouse A Rioxa. En Vitoria xa non houbo clase esta mañá, igual que no colexio e a escola de Labastida e o instituto de Laguardia, ao sur da provincia de Áraba, pola proximidade ao foco xurdido nun funeral en Haro, A Rioxa.
Na Rioxa quedan na casa a partir de mañá os alumnos menores de 18 anos, e en Madrid tamén os universitarios, millón e medio en total.
En Asturias, o Goberno do Principado decidiu ordenar este martes o peche de cinco centros escolares: o Colexio San Ignacio, o Colexio Santo Domingo de Guzmán, o Masaveu, o IES Monte Naranco en Oviedo, e o Ramón Areces, en Grado.
Madrid anuncia que vai desinfectar diariamente o metro, os autobuses, estacións e mobiliario do transporte público, que de momento non vai sufrir restricións.
Os plenos dos 21 distritos da capital quedan tamén supendidos durante este mes. As cadeas hoteleiras empezan a pechar algúns establecementos, e colectivos como os militares piden a Defensa que aprace adestramentos e fomente o teletraballo mentres que xuíces e fiscais reclaman informacion sobre a posible suspensión de xuízos non urxentes.
A asistencia médica a persoas en illamento domiciliario estase a facer por teléfono, e hai voluntarios que están abandonando o seu labor en hospitais.
Médicos de Madrid denuncian que escasea o material de protección para sanitarios. A Conferencia Española de Relixiosos suspende todos os encontros programados este mes para non expoñerse a riscos innecesarios.