A Ribeira Sacra supera o 85% de ocupación en agosto
Na Ribeira Sacra, pendentes aínda dos datos definitivos, contan con superar o 85 por cento de ocupación prevista no mes de agosto. Unha cifra que se achega ao 100 por cento no caso de aloxamentos de turismo rural e hoteis de gama alta.
Desfile de maletas no parador de Santo Estevo, as que chegan e as que xa se van: "Hoxe estamos visitando isto, tamén visitamos os miradores e os altos, e encantados". "Estamos como flotando. Non estamos acostumados a este verde. E a xente é encantadora".
Aquí, estiveron ao completo case todo o verán, segundo confirma a xefa de recepción, Esther González: "Tanto xullo como agosto estivemos ao 98 por cento, por cancelacións de última hora"
Tamén hai tráfico intenso nos catamaráns, que só se deteñen para subir e baixar xente: "Tiña ganas de ver as viñas, xa as vin, e agora desfrutarei o viño doutra maneira, ao saber de onde vén". "Moi bonito. E o das viñas... non vin o santuario, pero bueno".
O Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra non terá datos definitivos ata o luns, pero xa dan por feito que en agosto se superará o 85 por cento de ocupación contando a totalidade de aloxamentos, que ofertan 2.600 prazas.
"Se nos centramos na hotelería de 3-4 estrelas e no turismo rural, é moi probable que se rolde o 95%", engade Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
En canto á procedencia, Cataluña e Madrid seguen á cabeza.