CRTVG

Buscar

A Ribeira Sacra, firme candidata a Reserva da Biosfera

Publicado o 13/09/2021 14:36

A UNESCO decide esta semana se proclama Reserva da Biosfera o espazo conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel. Sería a sétima reserva da biosfera de Galicia, a segunda en superficie. A súa paisaxe espectacular, tan representativa do interior de Galicia, segue sorprendendo os visitantes cada vez máis numerosos que se achegan día a día á Ribeira Sacra.

"Nós somos da Mancha, temos 700 quilómetros pero merece a pena vir. Moi bonito". "Moi bonito, si. Unha paisaxe curiosa, distinta á nosa zona de Valencia, e maxestuoso. En Santo Estevo, cando te asomas á ventá e ves todo rodeado de bosques, é precioso". "Eu coñecino pola televisión. Vin unha reportaxe e dixen, e iso onde está?", comentan varios turistas.

O Consello Internacional do Programa Home e Biosfera da UNESCO, reunido en Nixeria, decide esta semana as novas incorporacións a este recoñecemento internacional. A candidatura da Ribeira Sacra, xunto coas serras do Oribio e O Courel, leva sobre a mesa desde 2019. Hai un ano, o comité español da UNESCO deulle o visto e prace, por unanimidade, e o de agora é xa o derradeiro paso.

O espazo proposto abrangue unha superficie de máis de 300 mil hectáreas, 23 concellos de Lugo e Ourense, para os que este recoñecemento internacional sería un novo aliciente turístico e de protección do contorno.

Inma Álvarez, restaurante O Curtiñeiro de Parada de Sil: "Para todos sería un boom, sobre todo para os hostaleiros, que nos beneficiaría moito tras todo o que pasamos polo peche de actividade".

A proposta ten xa o informe favorable do órgano consultivo internacional da UNESCO. Se se confirma, entraría en vigor en canto se publique no BOE.
 

Noticias web

13/09/2021